Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta recolle as impresións da Cámara Oficial Mineira de Galicia sobre o regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia


Trala rolda de encontros coa FEGAMP, COAG, COSITAL e Rexistradores, esta mañá mantívose unha reunión de traballo coa Cámara mineira para analizar as achegas presentadas

A Xunta de Galicia intensifica a colaboración cos colexios profesionais e outras entidades para enriquecer o regulamento da Lei 2/2016 do Solo de Galicia. Hoxe mesmo mantívose unha reunión de traballo coa Cámara Oficial Mineira de Galicia para analizar as achegas presentadas ao documento, que se suma así á rolda de encontros mantidos nos dous últimos meses coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); o Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG); Colexios Provinciais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local (COSITAL); e o Colexio de Rexistradores de Galicia,

A Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo trasladou a aposta da Lei 2/2016 do Solo de Galicia por potenciar a explotación racional dos recursos naturais: agrícolas, gandeiros, forestais e mineiros, imprescindibles cando se garante a súa explotación racional. Neste senso, incidiu no cambio de regulación dos usos, un aspecto no que a nova Lei do Solo establece -á diferenza da LOUG- que a autorización dependerá do órgano sectorial correspondente, por ser o que mellor tutela os seus valores e tendo en conta principios de especificidade.

O Presidente da Cámara Mineira de Galicia, Juan de Dios Martín, e o director, Diego López, destacaron a disposición por parte da Xunta para clarificar a través do regulamento os preceptos da Lei do Solo 2/2016 que entrou en vigor o pasado 19 de marzo.

É preciso recordar que a nova Lei do Solo é a primeira da historia de Galicia co seu propio regulamento, redactado polo mesmo persoal técnico da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo que previamente redactou a nova Lei do Solo. Asemade trátase dun regulamento integral, que inclúe: xestión, planeamento e disciplina, o que facilitará considerablemente aos técnicos o traballo de aplicación xa que unifica e modifica aos 3 Regulamentos anteriores; os Regulamentos Estatais de Xestión e Planeamento, ambos vixentes dende 1978, e o Autonómico de Disciplina aprobado en 1999.